Opinión | Segunda Feira
Nóvoa e avatares
Trala etapa presidencial de Rafael Correa, Ecuador, o país de Oswaldo Guayasamín, afondou no illó podre que os EEUU fomentan na América Latina e nel está empozado o actual goberno de Daniel Noboa, con apelido galego orixinario. O caso é que este pertence a unha familia oligárquica que xa dera antes outros dous presidentes á República de Ecuador: Diego Noboa (1850-1851) e Gustavo Noboa (2000-2003). Falamos dun apelido galego que prendeu con forza en moitas partes de América e do mundo e que deixou castimonia. A forma correcta do antropónimo é Nóvoa, con uve e acento de intensidade e gráfico no primeiro o.
Segundo a vontade dos usuarios, o apelido foi, ou non, modificado en Galicia e polo mundo adiante. Poido mudar en Da Nova, como é o caso dun navegante galego que serviu ao rei de Portugal no século XVI. Ou en Novoa como parece preferirse entre os utentes actuais de dentro da propia Galicia. Finalmente, Novoa pode converterse en Noboa no caso ecuatoriano que comentamos. Todos os Nóvoa, con correcións ou sen elas, de Galicia e do mundo, proceden de San Estevo de Nóvoa que é unha pequena fregresía do Ribeiro pertencente ao concello de Carballeda: tratamos, pois, dun apelido monoxenético. Tamén Nóvoa é de carácter meliorativo e forma parte dun continxente de topónimos que, coma Miragaia, Vilaflor, Bocomezo, Belvís..., gábanse a si mesmos proclamando a fermosura da construción, do lugar do emprazamento ou das súas vistas.
Todos os Nóvoa, con correcións ou sen elas, de Galicia e do mundo, proceden de San Estevo de Nóvoa que é unha pequena fregresía do Ribeiro
O noso Nóvoa foi fundado na Idade Media e nun latín primoroso que consegue transmitir afecto, ben marcado no diminutivo: novula, con acentuación romance no primeiro o, ou sexa: “a casa ou mansión noviña”. Pasa pola memoria unha acumulación diminutivista clásica que fascinara Marguerite Yourcenar e Álvaro Cunqueiro. Animula, vagula, blandula, no poema fúnebre de Adriano no que non ía desmerecer unha novula do Ribeiro de Avia. E así aparece Nóvoa para continuar, xa non como topónimo senón coma apelido. E sufrir novas transformacións.
Estes Noboa de Ecuador tal vez modificasen o uve e a acentuación orixinais para adoptar unha fasquía máis ou menos fidalga e “vasca”, aparentándose fantasticamente con Aldecoa, Aranoa, ou mesmamente Bidasoa. En canto ás mudanzas de acento Celso Emilio Ferreiro irritábase moito cando lle convertían o seu segundo apelido, Miguez, en Míguez. Así, dunha cousa noutra fumos caíndo na conta de que tamén o capricho pode actuar sobre a onomástica galega e xeral. No caso da fixación dos nosos apelidos, estase a facer urxente unha intervención legal semellante á que serviu para restaurar a toponimia de Galicia.
Suscríbete para seguir leyendo
- Así fue como Andreita, la hija de Belén Esteban, ayudó a los Mozos de Arousa a llevarse la victoria en 'Reacción en cadena
- Reacción en cadena' pasa factura a los Mozos de Arousa: la crisis personal a la que se enfrenta uno de ellos fuera del programa
- El fruto seco con más calcio que el yogur y más hierro que las lentejas que te ayudará a cuidar la línea y adelgazar
- Galicia vuelve al invierno: no se descartan nevadas a partir de mañana
- Merza da el último adiós al ciclista que murió tras desplomarse en Gresande
- Un promotor coloca una cámara y logra identificar a las dos personas que robaban material de obra en Cangas
- Sorprenden en Poio al conductor de un turismo de alta gama con un detector de radares
- Nueva protesta de la madre separada de su hija en Marín